![]()
PADRÓN > O proxecto de peonalización levado a cabo no casco urbano de Padrón por parte do executivo municipal non contenta a gran parte do sector empresarial da vila. Os comerciantes denuncian que a reestruturación da circulación está a ser moi prexudicial para os seus negocios posto que limita a afluencia de clientes e dificulta as tarefas de carga e descarga de mercancías.
O executivo padronés iniciou hai varias semanas o plan de peonalización do casco vello coa instalación de bolardos en diversas zonas da vila como é o caso da rúa Calvo Sotelo, no límite entre a zona vella e a zona nova da localidade.
Deste xeito a circulación polas rúas céntricas de Padrón está prohibida para tódolos vehículos, a non ser comerciantes e residentes que dispoñen dunha tarxeta de autorización emitida polo propio concello para poder transitar por estas rúas. Non obstante, existen diversos requisitos para a obtención destas tarxetas que non tódolos comerciantes reúnen polo que consideran que esa non é a solución.
Dende hai tempo o executivo local presidido por Xesús Villamor viña perseguindo a peonalización integral do casco antigo da vila, un feito que o propio concello tiña previsto poñer en marcha xa o pasado ano.
Precisamente a aprobación en pleno dunha ordenanza xeral de circulación e uso da vía pública en Padrón condicionou un pouco esta situación, provocando que o goberno padronés tivera que aplicala de xeito inmediato.
Aínda así hai un bo número de veciños, especialmente comerciantes do casco histórico, que amosan o seu malestar por esta medida.
A pesar de que o acceso á zona vella xa está regulado, a existencia de vehículos estacionados na mesma é bastante habitual, polo que a medida non contenta a todos.
Un dos problemas que se presentan agora en Padrón é a falla de zonas de estacionamento, atopándose a máis das veces a zona do Espolón totalmente colapsada de vehículos, sendo bastante complicada a tarefa de atopar un lugar no que aparca-lo coche, principalmente ás horas punta.
Co fin de solucionar este problema o executivo local está tramitando tamén un proxecto de construción dun aparcamento soterrado na zona do Souto, sendo dúas as empresas que están interesadas en acomete-lo proxecto.
Co fin de chegar a acordo co executivo, a Asociación de Empresarios remitiu un escrito á alcaldía esta mañá no que lle solicita a busca de alternativas na regulación do tráfico no casco urbano que non prexudiquen ó comercio.
Dende a patronal agárdase que o goberno local atenda as súas demandas; no caso de non ser así non descartan a posibilidade de emprender medidas de presión.
Redacción Barbanza










