![]()
CAMBADOS > Vivenda e Solo defende a rehabilitación dos edificios do barrio de San Francisco en Cambados e lembra ós propietarios que poden acollerse a axudas de ata un corenta por cento. A directora xeral de Fomento e Calidade de Vivenda, Encarna Otero, reuniuse o mércores cos veciños deste barrio para lembrarlles que esta zona está incluída nunha Área de Rehabilitación Integral.
A directora xeral de Fomento e Calidade de Vivenda, Encarna Otero, desvelou en Cambados que o concello formulou demoler por completo o barrio de San Francisco para construír unha nova urbanización. Segundo Otero, a Xunta desbotou esta posibilidade, e defendeu o barrio como zona declarada para a súa rehabilitación, con vivendas con posibilidade de renovar.
A directora xeral reuniuse cun grupo de residentes neste barrio para informalos de que as súas vivendas se atopan dentro dunha Área de Rehabilitación Integral. Por este motivo lembroulles que poden optar ás axudas que concede Vivenda e Solo para a renovación, xa non só dos seus domicilios, senón tamén do edificio e dos espazos públicos.
O barrio de San Francisco foi enmarcado dentro da área de rehabilitación integral en decembro de 2001 por acordo plenario do goberno autonómico. Entón, constituíronse dúas zonas de recuperación: Fefiñáns, Cambados e San Tomé, e Santa Mariña Dozo. No barrio de San Francisco hai 48 domicilios sociais e a súa gran maioría esixen unha rehabilitación das infraestructuras, que datan de 1963, segundo sinalou Encarna Otero.
A reunión foi solicitada polo grupo municipal do BNG, que vén recollendo a preocupación dos veciños polo deterioro urbano e o abandono por parte do goberno municipal dos espazos públicos deste barrio. As queixas céntranse principalmente nas zonas interiores entre os edificios, o mal estado das beirarrúas e a falta de mantemento das pequenas zonas verdes.
Redacción Salnés









