![]()
CAMBADOS > A suba da temperatura da auga e a aceleración da fase de desove forzou a fin da campaña da extracción da vieira na ría de Arousa. Os 65 barcos do arrastre que se dedican a extracción da vieira non perderon o tempo e xa se puxeron mans á obra recollendo nova vieira para sementar na zona 4 da ría.
O mar picado non impediu que os mariñeiros do arrastre saíran a extraer cría de vieira para sementar para a vindeira campaña que, previsiblemente comezará no Nadal.
Un total de 65 barcos, a maioría deles de Cambados pero tamén algún de Rianxo ou Ribeira fixéronse cuns 7.000 kilos de vieira que foron sementados na zona 4 da ría. Os lances que tiveron que facer algúns barcos foron varios e o tamaño acadado, en moitas ocasións, non moi grande.
O xoves concluía, antes do previsto, a campaña deste ano que, ó contrario da do ano pasado, durou tan só un mes. Aínda que o tamaño permitía seguir extraendo máis vieira, o adianto do período de desove acelerou o peche da campaña .
A campaña da sembra durará aproximadamente unha semana dependendo da cantidade de vieira pequena que se acade en total.
Redacción Salnés









