Touriño entrega en Sanxenxo as bandeiras azuis das praias galegas

    SANXENXO > Por terceiro ano consecutivo, Sanxenxo é o concello de España que contará co maior número de bandeiras azuis ondeando nas súas praias, un total de 12. Por ese motivo, o executivo galego decidiu facer entrega das 109 bandeiras azuis que este ano corresponden a Galicia nas instalacións do Porto Deportivo Juan Carlos I.

    tourinosanxenxo_300_260606.jpgGalicia acadou este ano 109 bandeiras azuis, 102 para praias e outras 7 para portos. O concello de Sanxenxo foi o lugar escollido para entregar as bandeiras a tódolos concellos galardoados, en recoñecemento ó seu traballo nas praias do Salnés, con 12 bandeiras azuis.

    Sanxenxo é por terceiro ano consecutivo o concello de España que conta con maior número de bandeiras azuis, aínda que o presidente de ADEAC felicitou a todos os que conseguiron algunha destas distincións.

    A comunidade obtivo neste ano un total de 11 bandeiras azuis máis que o ano pasado. A Coruña logrou 45, Lugo 20 e Pontevedra 44. Na área de Pontevedra e do Salnés repartíronse un total de 19 bandeiras azuis: unha para A Concha- Compostela en Vilagarcía, 4 no Grove, Area da Cruz, A Lanzada, Raeiros e Peralto; 2 para Poio en Cabeceira e Xiorto e en Sanxenxo para Silgar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Major, Foxos, Areas Gordas, Pragueira, Nosa Señora da Lanzada, Baltar e Bascuas. No Barbanza, en Boiro ondearán en Carragueiros, Barraña, A Retorta e Mañóns; na Pobra, en Lombiña- Cabío e Illa de Laxe; en Ribeira, son 5 para Coroso, Vilar, Corna, Touro, Río Azor e A ameixida e para Rianxo, ondeará unha en Tanxil.

    O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, destacou o respecto ambiental que supoñen estes galardóns e dixo que é posible compatibilizar a explotación pesqueira, industrial, turística e urbanística cos recursos naturais do litoral galego.

    Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño felicitaba ós alcaldes presentes por apostar decididamente pola excelencia e calidade no litoral galego. Lembrou épocas recentes nas que a marea negra estragara a principal riqueza da comunidade. 

    O titular do goberno galego anunciou que o borrador da Lei de Protección da Paisaxe remitirase ó Parlamento no segundo semestre deste ano, unha lexislación que permitirá poñer en valor e preservar o mellor dos recursos naturais de Galicia.

    Redacción Salnés