CAMBADOS> Os achados históricos localizados na contorna do pazo de Fefiñáns, en Cambados, van quedar, de momento, debaixo do formigón. Patrimonio esíxelle ó Concello un proxecto para poder escavar nesa zona, onde hai unhas semanas apareceu un antigo muro de pedra, que podería pertencer a un arco do pazo. O achado produciuse durante as obras de soterramento do cableado eléctrico, un proxecto que continúa agora adiante, tralas indicacións de Patrimonio.
O muro de pedra localizado hai un par de semanas na rúa real de Cambados, na contorna do pazo de Fefiñáns, quedará, polo de agora, sepultado debaixo do formigón. O achado podería formar parte dun antigo arco do Pazo, pero Patrimonio entende que agora o que toca é facer as cousas ben. Por iso, o departamento autonómico pediulle ó Concello que antes de continuar escavando eses restos elabore un proxecto.
O achado produciuse durante as obras de soterramento do cableado nesa zona. Seguindo as indicacións de Patrimonio, eses traballos deben continuar. Para garantir que non se produzan danos, o muro atopado foi protexido, antes de ser cuberto de novo.
Cos traballos en marcha, a idea é poder axiliza-los trámites para que as escavacións arqueolóxicas se poidan retomar máis cedo cá tarde.
O concello vai manter unha xuntanza con Patrimonio para analizar os seguintes pasos a tomar. A idea é consegui-lo permiso canto antes para poder analizar os restos localizados. Con todo, José Ramón Abal recoñece que o proceso irá para longo.