![]()
BOIRO > A plataforma veciñal Convivencia de Boiro, creada para loitar contra as molestias que ocasiona a movida na localidade, celebrou unha reunión no Centro Social co fin de analiza-las accións desenvolvidas ata o de agora. Á xuntanza acudiron máis de cen persoas.
Cada vez son máis as persoas que en Boiro veñen expresando o seu malestar pola movida das fins de semana. Por esta razón e despois de constituirse como entidade a Plataforma Veciñal Convivencia de Boiro mantivo unha asemblea informativa co obxectivo fundamental de dar conta ós veciños das accións desenvolvidas ata o de agora polo colectivo para acabar co problema social que neste concello provoca a excesiva concentración de locais nocturnos e a permisividade das autoridades locais.
Durante a xuntanza á que acudiron unhas cen persoas, máis das que as propias previsións da organización pensaban, o presidente da Plataforma Convivencia de Boiro, Guillermo Oliveira, fixo referencia ás reunións e encontros mantidos de xeito periódico cos membros do executivo local e que deron como resultado o pasado mes de febreiro nun compromiso público por parte das autoridades boiresas de poñer en marcha en marzo unha ordenanza que viñera a endurecer un pouco máis os requisitos para a concesión de novas licenzas a locais nocturnos no municipio.
O incumprimento deste compromiso causou certo malestar no seo da plataforma veciñal.
Por este motivo, pediranlle ó executivo que axilice canto antes a tramitación da ordenanza e que sexa estricto á hora de aplica-lo regulamento, dándolle de prazo ata pasar Semana Santa, a partir desa data a Plataforma ten previsto levar a cabo accións de presión para que as súas reivindicacións sexan dunha vez atendidas.
A plataforma veciñal considera ademais que xa non só se trata de limita-la apertura de máis establecementos hostaleiros na zona, senón tamén de actuar contra os que están funcionando incumprindo a normativa de ruídos, existindo algún caso de locais que foron precintados por carecer de licenza e que volven a estar abertos.
En todo momento e no transcurso da xuntanza os asistentes manifestaron de que a Plataforma non busca prexudicar a ningún hostaleiro seón que o seu fin está unica e exclusivamente en defende-los dereitos básicos e fundamentais dos veciños afectados.
Na xuntanza indicouse ademais que tralo anuncio da elaboración da ordenanza para declara-la zona acusticamente saturada provocouse en Boiro una avalancha de solicitudes de licenza de apertura de establecementos, a maior parte deles emprazados no entorno da propia Praza da Mancomunidade e criticouse a política do Concello de incrementa-las multas a locais que incumpren os horarios de peche xa que segundo eles resultan pouco efectivas.
Toda esta situación e os problemas que acarrea unha parte desa movida, a negativa, volve estar de triste actualidade, xa que na madrugada de onte ás portas dalgúns destes locais en Boiro rexistráronse ata tres pelexas. Algo que por desgracia se está a converter nunha constante nas noites de movida en Boiro.
Redacción Barbanza









