CxG Muros aspira a reelección co aval do traballo feito no último mandato

MUROS> Compromiso por Galicia de Muros elixiu onte domingo a Casa de Cultura da localidade para a presentación da súa candidatura e tamén do seu programa de goberno. A candidata, a actual alcaldesa, María Xosé Alfonso, que opta a reelección, fixo alusión ós logros acadados pola formación nestes últimos catro anos á fronte do Concello, destacando por riba de todo o saneamento das contas municipais.

Foi a propia candidata, María Xosé Alfonso, a encargada de, un por un, ir presentando a tódolos membros da súa candidatura. Con algunha que outra incorporación nova, nos postos de saída apenas cambios, repetirán María Sambade de catro e Xosé Manuel Quintela e Tono Uhía, coma número dous e tres respectivamente. Os tres que formaron o equipo de goberno nestes últimos catro anos. Boa parte do discurso da candidata baseouse precisamente no traballo feito neste último mandato, cos problemas dun goberno en minoría e cos bloqueos constantes por parte dos grupos da oposición.

Coma logros máis importantes destacou a redución da débeda municipal e as actuacións realizadas en materia de saneamento. De cara ós vindeiros catro anos apostou por continuar mellorando a rede municipal de saneamento, a rebaixa do IBI ó 0’4%, a tan ansiada rehabilitación do Cine París ou as melloras nas instalacións deportivas municipais, entre outras.