Medio Rural investirá 109 mil euros na mellora de camiños rurais en Abanqueiro

    BOIRO > O concello de Boiro vai a levar a cabo a mellora de varios camiños na parroquia de Abanqueiro, grazas a unha subvención da Consellería de Medio Rural de máis de 109 mil euros. Con cargo a esta partida acondicionaranse o camiño de Corea a Triñáns, a zona da escola da Fieiteira, o camiño de Triñáns a Mañóns e a pista de Amenal a Abesada.

    Segundo sinalou o concelleiro de Obras boirés, Xoán Xesús Ares, estas actuacións sufragadas pola Consellería de Medio Rural, veñen a reforza-las inversións realizadas na parroquia de Abanqueiro.

    En total son catro obras as que se incluirán dentro deste plan de execución: o camiño de Corea a Triñáns, a zona da escola da Fieiteira, o camiño de Triñáns a Mañóns e a pista de Amenal a Abesada.

    Estas actuacións véñense a sumar a outras obras que se están levando a cabo nesta parroquia con cargo a plans da Deputación Provincial da Coruña ou do propio concello e que suman máis de 166 mil euros como é o caso da mellora dos accesos a Graso e a Ollal, dende o Saltiño, en Pedra da Bouza ou a pavimentación e ensanche do camiño de Saltiño a Sestelo entre outros.

    Ademais as actuacións na parroquia de Abanqueiro completarase co ensanche da pista en Triñáns-Longarelas por valor de seis mil euros e a mellora da rede de sumidoiros en Triñáns presupostada en máis de 33 mil euros.

    Precisamente o Partido Popular de Boiro a través do seu voceiro, Xoán Xosé Dieste, vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que lle solicita ó executivo local que se realicen as xestións oportunas ante as diferentes administracións para levar adiante os proxectos e execucións das obras para a construción das beirarrúas nos núcleos rurais de Cures, Comoxo e Moimenta.

    Segundo o PP boirés estas actuacións son moi necesarias e veñen sendo reclamadas polos veciños dende hai tempo, xa que as actuais marxes das estradas hoxe en día presentan deficiencias como é o caso da súa estreitez e irregularidades no firme, o que incrementa tamén o perigo para os peóns, fundamentalmente para as persoas maiores e os nenos.

    Xoán Xesús Ares reclama tamén que se leve adiante tamén a ampliación da calzada de Ponte Carou, situada no traxecto da estrada que une o lugar de Ameán en Cures con Pomardorrío.

    Redacción Barbanza