Sanidade reducirá os abortos adolescentes coa distribución da pílula postcoital

    BARBANZA > O 52 por cento de embarazos rexistrados en Galicia entre mozas menores de 18 anos remata en aborto. Co obxectivo de reducir esta preocupante porcentaxe, Sanidade distribúe de forma gratuíta a pílula postcoital en tódolos centros de saúde, centros de orientación familiar e puntos de atención continuada. O programa inclúese no Plan de Atención Integral á Muller.

    A distribución gratuíta da coñecida como ‘pílula do día despois’ contribúe á prevención de embarazos non desexados así como á reducción das interrupcións voluntarias do proceso de xestación, favorecendo ademais o contacto da mocidade co sistema sanitario. Sen embargo, existen termos que é preciso aclarar para evitar confusións en relación á efectividade deste medicamento. A pílula postcoital non é un método anticonceptivo polo que non ofrece unha eficacia ó cen por cen. É precisa a utilización dos sistemas habituais de contraconcepción e, no caso de que estes fallasen, recorreríase á pílula poscoital considerada, en todo caso, como método de Anticoncepción de Emerxencia.

    Este tratamento presenta unhas doses moi altas de anticonceptivos polo que non é aconsellable administralo con frecuencia á mesma paciente. Por este motivo, os centros sanitarios e de orientación familiar levan un rexistro das persoas que recibiron a medicación e a data en que lles foi administrada.

    As pacientes que a soliciten recibirán, unha vez avaliado o seu caso, un paquete de anticoncepción de emerxencia que inclúe o envase co medicamento, información específica a través dunha guía clínica e un preservativo. A toma debe realizarse dentro das 72 horas posteriores á práctica sexual sen protección. Trala toma da pílula, a paciente debe acudir ó seu médico de cabeceira para recibir unhas pautas relacionadas coa educación sexual que pretenden evitar que se repitan as prácticas de risco.

    Redacción Barbanza