NOIA> Os residentes neste núcleo noiés reclaman diversas melloras na zona . Din sentirse totalmente abandonados por parte das Administracións. Fan alusión principalmente a existencia de varias tubaxes de amianto que levan anos sen utilizarse e que representan, ademais dunha mala imaxe, un problema medioambiental. Tamén denuncian o estado no que se atopan varios peches a carón do litoral que están a punto de derrubarse a consecuencia da erosión do mar.
Un grupo de veciños do núcleo noiés da Barquiña, concentrouse esta mañá na zona do peirao para denunciar a situación de abandono que padecen.
Dende hai anos veñen demandando unha actuación integral na zona, que posibilite a recuperación da antiga praia, obtendo ata o de agora a calada por resposta por parte das distintas Administracións.
Dúas son as principais demandas. Unha delas a retirada de varios tramos de tubaxe instalados no seu día para o saneamento, pero que nunca chegaron a empregarse, e que hoxe están esparexidos por todo o litoral. Ademais da mala imaxe que representan, constitúen tamén un grave problema ambiental.
Outra das súas queixas garda relación coa existencia de varios muros a carón do mar que están a punto de derrubarse debido á súa erosión, e que constitúen tamén un serio perigo para a veciñanza.
Das súas demandas fíxose eco tamén o BNG, que anunciou que presentarán iniciativas tanto a nivel local como tamén no parlamento galego ou no Congreso dos Deputados para que Augas de Galicia e Costas do Estado dean solución a esta problemática.