A Xunta subvencionará iniciativas para diversificar a oferta turística

    SANXENXO > A Consellería de Industria subvencionará iniciativas que traballen na diversificación da oferta turística. Así o anunciou o titular deste departamento autonómico na inauguración da nova oficina municipal de turismo de Sanxenxo. Precisamente esta instalación abrirá tódolos días do ano coa intención de desestacionalizar o turismo.

    A nova oficina municipal de turismo de Sanxenxo abriu o venres as súas portas no porto deportivo Juan Carlos primeiro de Sanxenxo. As instalacións permanecerán abertas ó público os 365 días do ano cun obxectivo claro, consolidar o municipio como destino turístico máis aló da tempada estival. A oficina emprázase nun lugar emblemático, tendo en conta que o porto deportivo é o principal recurso de Sanxenxo, despois das praias.

    Concello e Consellería de Innovación e Industria investiron nesta oficina un total de 300 mil euros. Precisamente, o titular deste departamento autonómico, Fernando Blanco, participou na inauguración e resaltou a aposta pola modernidade e as novas tecnoloxías que se fixo nestas instalacións.

    Fernando Blanco adiantou en Sanxenxo que o seu departamento subvencionará a empresas que traballen na diversificación da oferta turística. O reto principal da Xunta é que haxa ocupación suficiente todo o ano e avogou por un traballo conxunto entre as diversas institucións e a iniciativa privada. Esta oficina, ademais de servir de centro de consultas e información, será lugar de traballo do persoal adscrito á concellería de Turismo.

    Redacción Salnés