Portonovo acolleu a XII Festa da Raia na segunda fin de semana de abril

    PORTONOVO > A décimo segunda edición da Festa da Raia de Portonovo congregou do 7 ó 9 de abril a centos de persoas, que degustaron este producto típico da zona nos 22 establecementos que este ano se sumaron á festa. O acto máis emotivo foi a entrega das insignias de ouro, que recoñecen a persoas vinculadas, na súa tarefa profesional e persoal, coa vila mariñeira.  

    O evento gastronómico por excelencia de Portonovo pechábase co acto central do domingo de Ramos, no que tivo lugar a entrega de diversos premios. A asociación de comerciantes Entretendas organizou o terceiro Concurso de Escaparatismo.  Este ano, houbo dous finalistas, o establecemento Taboada e Arenal, e o primeiro premio recaeu en Suso Moda. A sexta edición do Concurso de Cociña foi un éxito de participación, con máis de 20 receitas presentadas na categoría profesional e amateur. “Raia ó pescador” foi a receita gañadora en amateur, un premio dotado con 450 euros e diploma. Na categoría profesional, o Bodegón O salgadoiro foi o que acadou o primeiro premio, cun “milfollas de raia sobre crema de coliflor e cordón de espuma de ourizo”. Anque non é a primeira vez que acadan un premio nesta festa, o restaurante contará a partir de agora cunha distinción pola súa receita. 

    A entrega das insignias de ouro foi o momento máis emotivo. José Fariña Jamardo, convaleciente dunha recente operación, delegou no libreiro Jaime Corral. De Fariña Jamardo destaca a súa importante contribución intelectual en Galicia, con moitas publicacións importantes, así como a súa vinculación con Portonovo, onde disfruta de longas temporadas. “Coa alma espida” é unha das súas obras.

    Manuel Uhía Lorenzo foi outro dos homenaxeados. Mariñeiro ó longo de case toda a súa vida, destaca a súa vinculación co mundo da música. Ó final do acto, a Banda da Escola Municipal de Música rendeulle unha homenaxe cunha das melodías compostas por el e titulada “os meus amores”.


    Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo amosou o seu agradecemento ás persoas que, noutras edicións, traballaron gratuitamente na preparación das racións de raia na carpa, pero destacou que se trata dunha festa na que os restaurantes deben telo seu protagonismo e de aí a supresión da degustación gratuíta na carpa. 

    Os visitantes tamén puideron disfrutar na carpa de dúas exposicións, unha delas centrada na raia como producto do mar e con distintas maquetas de gran beleza. Por outra banda, os participantes no concurso de debuxo puideron ver expostos os seus traballos, centrados na temática da festa desta vila mariñeira.

    Redacción Salnés