![]()
VILAGARCÍA > Ante a incesante proliferación de furanchos e loureiros a Unión de Traballadores Autónomos e maila Asociación de Iniciativas Turísticas de Vilagarcía de Arousa amósanse fartos. Denuncian a competencia desleal que este tipo de establecementos supoñen para os negocios de hostalería e restaurantes xa que carecen de licencias municipais e non pagan tributos. A cousa non remata aí porque pretenden tamén facer boicot a algunhas das bodegas que alugan as súas instalacións a particulares para a celebración de banquetes.
A AIT e maila UPTA están que trinan. Tras mes e medio vixiando certas zonas de municipios do Salnés foron capaces de censar un total de 76 locais deste tipo que por fora non teñen aspecto de locais públicos pero que detrás dun galpón ou nos baixos das casas agochan auténticos restaurantes. Serven comida, viño e incluso hai algún que actúa como hostal e da servizo de habitación. Ó non estaren declarados na súa maior parte non teñen que render contas a sanidade nin están obrigados a cumprir horario de peche ningún.
As medidas a tomar están en marcha e solicitaron xa cita con responsables de facenda e traballo. Pero o problema cos furanchos non é o único que denuncian e ameazan con facer boicot a certas bodegas que alugan as súas instalacións para celebrar banquetes.
O problema vai máis aló do conflicto cos restaurantes e aseguran que este tipo de aluguer para convites afecta ós pubs xa que non teñen horario de peche das instalacións.
Redacción Salnés







