Unha marea solidaria tinguirá Boiro de vermello para combater a leucemia

BOIRO> Unha marea Vermella invadirá Boiro o último domingo de setembro coa cuarta edición da Andaina Solidaria organizada por JEALSA. O obxectivo este ano será recadar fondos para a Fundación STOP Leucemia que permitan avanzar na investigación do cancro hematolóxico.

O Centro Tecnolóxico de Jealsa foi escenario esta mañá da presentación da cuarta Andaina Solidaria que se celebrará en Boiro o último domingo de setembro cun percorrido de algo máis de dez quilómetros.

Ademais de Jealsa como patrocinador principal colaboran na iniciativa varias empresas locais como Chicolino, Farmaca Cimadevila, clínica dental Rebeca Ozores e Recambios Triñanes.

Os fondos recadados a través da inscrición destinaranse íntegramente á Fundación Stop Leucemia para que investigadores como Carlos Pérez (investigador do grupo de hematoloxía cmputacional e xenómica) poidan avanzar na loita contra o cancro hematolóxico.

Os interesados poden facer a súa inscrición a través da web de emesports ou na tenda de Jealsa instalada no Bodión. O xoves e o venres da próxima semana tamén poderán achegarse ata as oficinas da compañía en Boiro.