Aragunde: ‘O desenvolvemento urbanístico de Cambados está garantido’

    CAMBADOS> O rexedor cambadés asegura que o POL permitirá edificar no Breixiño, Terra Santa e San Roque grazas ás reunións mantidas entre goberno local e técnicos da Xunta.

    {flowplayer}images/salnes/ARAGUNDE_POL_CAMBADOS.flv{/flowplayer}

    O alcalde de Cambados, Luís Aragunde, ve cada vez máis próxima a desaparición da Lei dos 500 metros. Finalizado o prazo de presentación das alegacións ó borrador do Plan de Ordenación do Litoral, Aragunde calcula que en dous meses se podería proceder á aprobación inicial do documento, e a definitiva chegará a finais de ano.

    Aragunde asegura que tódalas alegacións e suxestións presentadas, tanto as achegadas por particulares coma polos grupos da oposición, xa están en mans da Xunta. Moitas coinciden coas realizadas polos técnicos do concello, aínda que Aragunde puntualizou que desde o primeiro borrador ó actual, xa se realizaron varias modificacións do Plan beneficiosas para Cambados consecuencia das cinco xuntanzas mantidas cos técnicos da Xunta. Nelas conseguiron que permanezan como urbanizables as tres bolsas de crecemento natural de Cambados contempladas nas normas subsidiarias: as zonas do Breixiño, Terra Santa e San Roque. Tamén hai unidades de xestión contempladas como áreas de desenvolvemento nas normas municipais e que o POL protexía como espazos naturais. Tralas xestións quedaron en zonas de mellora ambiental.

    Segundo o rexedor, o POL respectará a delimitacións dos núcleos rurais do municipio, e creará unha nova figura para reordenar as agrupacións de edificios afastadas destes núcleos: os ámbitos de recualificación. Entre as alegacións presentadas desde o concello, solicítase á Xunta que teña en conta os documentos urbanísticos de cada municipio para fixar os corredores ecolóxicos, zonas de protección medioambiental.

    De acordo coas indicacións dadas polo Goberno Autonómico, Aragunde asegura que en decembro o POL podería estar aprobado de xeito definitivo. Entón, o concello adaptará o documento inicial do PXOM e a Lei do Solo ás normas contempladas polo Plan de Ordenación do Litoral.

    Redacción Salnés