Soterrado en Dena o pequeno de 3 anos afogado na piscina do Hotel San Carlo

    MEAÑO > Na tarde do 10 de abril era soterrado en Dena o neno de 3 anos que falecía na noitiña do sábado 8 tras caer na piscina do establecemento hoteleiro propiedade dos seus pais, ubicado en Coirón. O pequeno xogaba coa súa bicicleta, cando por razóns que se descoñecen, se precipitou á piscina. Os médicos do centro de saúde de Cambados non puideron facer nada por salvala súa vida.

    Unha esquela na verxa de entrada marca a inactividade do Hotel San Carlo, lugar no que tivo lugar o fatal desenlace ás nove e media da tarde do sábado 8 de abril. A piscina á que se precipitou o pequeno de 3 anos é visible dende o exterior do recinto. O neno xogaba no patio do hotel coa súa bicicleta, como tantas outras veces, na compaña da súa nai e da irmá maior. Nun momento, as mulleres entraron no edificio, ocupadas coa chegada prevista para hoxe dun grupo de turistas. Ó saír, pasados case 10 minutos, a bicicleta estaba tirada no chan ó carón da piscina e o neno xa flotaba na auga. Un camareiro conseguiu sacalo rapidamente, mentres outros empregados alertaban ó 112. No teléfono de emerxencias recomendaron que trasladaran ó neno nun coche particular ata o centro de saúde de Cambados. Cando chegaron, xa era demasiado tarde. O neno, José Manuel Pérez Brea, era o máis pequeno dos tres fillos dos donos do hotel, que pertencen a unha coñecida e querida familia, con varios establecementos hostaleiros no concello de Meaño. Os pais do pequeno, duns 40 anos de idade, compraran o San Carlo hai 3 anos e tamén rexentan o Abuelo Peón, que hoxe tamén permanecía pechado. Os seus avós, tanto maternos como paternos, rexentan tamén sendos establecementos. Centos de persoas quixeron acompañar esta tarde á familia nestes duros momentos e a igrexa de Santa Eulalia de Dena quedábase pequena ante a incesante chegada de amigos e veciños que quixeron dalo seu derradeiro adeus ó cativo.

    Redacción Salnés