Núñez Feijóo recolle en Pontevedra preto de 700 avais

    PONTEVEDRA > Alberto Núñez Feijóo e Xosé Manuel Barreiro aínda non chegaron a acordo para unificar as súas candidaturas nunha soa lista. Feijóo estivo hoxe en Pontevedra para recoller os preto de 700 avais conseguidos nesta provincia, unha cifra máis que suficiente para presentar en solitario á carreira sucesoria do PPdeG. Con estes apoios o ex conselleiro de Política Territorial xa adiantou que terá moi presente a Pontevedra na nova dirección do partido en caso de chegar a presidente.

    Alberto Núñez Feijóo reuniuse este venres en Pontevedra cos compromisarios elixidos na provincia. En total recibiu 658 avais de 735 posibles, uns apoios que agradeceu persoalmente logo de recibir unha entrega simbólica de mans do presidente provincial Rafael Louzán. No Pazo da Cultura de Pontevedra puidéronse ver moitos representantes da comarca, como poden ser os alcaldes de Cambados, O Grove, Ribadumia, Meis ou Barro, que fixeran unha aposta decidida por Núñez Feijóo.

    Cos avais recollidos en Pontevedra supera con creces os 400 apoios necesarios para presentar a súa candidatura e o mesmo Rafael Louzán xa o nomea como novo presidente do PP de G. Chegado ese momento, Núñez Feijóo xa amosou a súa intención de ser el mesmo o que propoña o novo secretario xeral do partido pero sinalou que aínda non pensou en ninguén. Ante as insinuacións dos xornalistas, o propio Rafael Louzán xa se auto descartou desta opción dicindo que non aspira a este posto.

    Redacción Salnés