A conselleira do Mar inaugura a mostra ‘Arte do Mar’ en Outes

OUTES> A mostra, composta por creacións elaboradas a partir de refugallos recollidos do litoral, forma parte do proxecto Econoia, que está a desenvolver a confraría noiesa nos últimos anos.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu esta mañá xunto ós alcaldes de Outes e Noia, entre outras autoridades, á inauguración da exposición ‘Arte do mar’. A mostra está incluída no proxecto Econoia II da confraría de pescadores de Noia e está promovida polas entidades Mar de Fábula, Alivavá e Mar de Noia.

A mostra está composta por diferentes creacións realizadas a partir dos materiais atopados nos bancos marisqueiros durante as xornadas de recollida de lixo mariño desenvolvidas ó longo do pasado ano, no que participaron preto de 200 profesionais e conseguiuse recoller preto de 45 toneladas de residuos de distintos tipos.

A exposición ten tamén un papel de concienciación. Así está pensada para tratar de incidir na cidadanía sobre o dano que pode xerar o lixo no medio mariño.

Durante a inauguración a titular do Mar destacou o importante labor desenvolvido polos profesionais da confraría noiesa a través do proxecto Econoia, financiado con fondos públicos. Unha das iniciativas máis importante aprobadas no marco da convocatoria de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños.

A exposición ‘Arte do Mar’ chega a Outes despois de recalar tamén en Noia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí