O IES Coroso segue en pé de guerra

    RIBEIRA > A comunidade educativa do IES Coroso celebrou o pasado luns unha concentración diante da Consellería de Educación na que participaron máis de 200 persoas, entre profesores, pais e alumnos. Esta acción de protesta vén a sumarse a outras realizadas durante pasadas semanas como foron o peche no interior do instituto, a recuperación das clases ou a mobilización tamén polas rúas de Ribeira.

    Ó redor duns cen alumnos do IES Coroso asistiron este sábado a clase para recupera-las horas perdidas a causa da mobilización realizada en Santiago hai unhas semanas. Os escolares foron levados ó centro educativo polos seus propios pais xa que non houbo transporte escolar.

    Con anterioridade iniciáranse tamén as accións de protesta e un grupo de docentes, pais e nais e tamén alumnos permaneceron pechados no centro dende o venres as dúas e media da tarde ata as nove da mañá do sábado, hora na que estaba prevista o comezo da xornada lectiva.

    Un grupo de profesores deste instituto planificaron varias clases xuntando distintos niveis educativos, debendo facer fronte a un problema como foi a falla de luz nas aulas polo que se viron obrigados a cambiar parte das actividades programadas.

    Na biblioteca expúxoselles ós alumnos unha serie de traballos realizados nos talleres do IES Coroso e que conduciron a este centro educativo a acadar variso premios de prestixio.

    Noutras dúas aulas impartíronse tamén clases semellantes baseadas no cine e na tecnoloxía xa que as aulas de informática estaban pechadas para desenvolver unidades didácticas cos ordenadores.

    Despois do recreo tivo lugar tamén unha concentración e realizouse unha marcha na que participaron máis de 200 persoas e que se desenvolveu por diversas rúas da localidade.

    Durante a mobilización os participantes estiveron berrando consignas xa habituais como o de ‘Xunta escoita Coroso está en loita’ e repartíndose información ós veciños sobre a situación da perda do 33% do ensino público de calidade en Ribeira. ademais nas cuartillas distribuídas poñían ‘Non a un director, Xosé Antonio Ventoso Mariño, imposto pola Xunta, que non defende os intereses da comunidade educativa ¿por que?’ e colocouse unha pancarta na Vía Rápida do Barbanza na que podía lerse ?Hai tempo Ventoso, arde Coroso! Dimisión’.

    Dende a comunidade educativa do IES Coroso sinalouse que continuarán coas mobilizacións de protesta e teñen previsto de inmediato crear unha plataforma cidadá pola defensa da ensinanza pública de calidade.

    O que pretenden é que neste novo colectivo se integren pais, profesores e alumnos, así como tamén persoal non docente doutros centros educativos de Ribeira e tamén políticos e membros de colectivos sociais, culturais e empresariais.

    Por outra banda dende a Consellería de Educación séguese a sinalar que os estudantes que tiñan previsto cursar primeiro de ESO no IES Coroso serán reubicados noutros centros da localidade, sen que chegue a superarse en ningún caso a ratio de 25 alumnos por aula, cando o límite legal está en 30, unha das cuestións que máis preocupa á comunidade educativa de Coroso. Do mesmo xeito os profesores afectados segundo fontes da propia Consellería serán tamén recolocados.

    Redacción Barbanza