SALNÉS/BARBANZA> O temporal de chuvia e o forte vento deixase notar nas Rías Baixas. Os momentos de maior intensidade vivíronse a última hora da tarde. Elsa provocou asolagamentos no centro de Cambados, en Portonovo e nalgunhas zonas de Ribadumia, que nalgúns casos obrigaron a cortar o tráfico de xeito temporal.
Ademais, deixou todo un regueiro de incidencias na nosa contorna, aínda que polo de agora nada grave. En boa parte dos concellos os equipos de emerxencias tiveron traballo arreo.
En Vilagarcía, producíronse varios desprendementos no centro da cidade e mesmo voou un invernadoiro en Bamio, que acabou no medio da calzada. No polígono de bamio tamén caeu unha árbore ao tendido eléctrico.
En Sanxenxo, caeron varias árbores, un posto de teléfono en Fabal e dous arcos de luces do Nadal en Portonovo e na Vichona.
Do outro lado da ría de Arousa, a situación foi semellante. Tamén caeron árbores no lugar de Salmón en Ribeira, na estrada AC-550, ou no vial de subida do campo de fútbol á Armada en Porto do Son. En Abanqueiro, esta situación deixou sen luz a máis de catrocentas vivendas.
O mobiliario urbano, principalmente nas zonas máis próximas á costa, como é o caso dos paseos marítimos, tamén resultou afectado, a consecuencia das rachas incontroladas de vento. No mar, a maior parte da flota permaneceu amarrada durante a xornada de hoxe, saíndo a faenar moi poucas embarcacións, na súa maioría dedicadas ó marisqueo.