Salvamento Marítimo ensaia na Pobra o protocolo de actuación ante un vertido contaminante

    POBRA > O porto da Pobra do Caramiñal converteuse  no escenario dun espectacular simulacro na ría. Os efectivos de Salvamento Marítimo despregaron tódolos seus medios recreando o protocolo a seguir no caso dun vertido contaminante. A rapidez e eficacia da intervención amosaron que a Ría de Arousa está preparada para facer fronte a este tipo de incidentes.

    simulacrobarbanza_300_110406.jpgNas augas do porto da Pobra os equipos de salvamento marítimo pertencentes tanto á Consellería de Pesca e como ó Ministerio de Fomento, así como outros organismos coma Cruz Vermella e Portos de Galicia, procederon á realización dun adestramento, consistente nun simulacro de emerxencia. Os efectivos reproduciron o método de actuación que se debe seguir cando se detecta un vertido contaminante de fuel ou unha substancia de similar impacto para o medio ambiente.

    Este tipo de simulacros realízanse con bastante frecuencia en distintos concellos co obxectivo de comprobar a eficacia dos medios existentes e familiarizar ás tripulacións coas distintas zonas incluidas dentro do seu ámbito de actuación. Os veciños que se achegaron polo porto puideron comprobar o importante número de medios despregados para este tipo de actuacións con dous buques de salvamentos, dúas embarcacións de intervención rápida e varios barcos auxiliares así coma barreiras e material diverso para retira-lo fuel. Ademais nesta ocasión, os profesionais contaron co apoio de dous bateeiros da zona que participaron no simulacro para estar preparados para prestar axuda no caso dun posible vertido na zona.

    O alcalde, Isaac Maceiras, quixo coñecer tamén de primeira man os traballos realizados polos equipos de salvamento e desprazouse ata a zona onde realizaron a intervención a bordo dun barco. Maceiras destacou a importancia de garantir a seguridade da ría en materia ambiental e destacou a coordinación existente entre tódolos efectivos que participaron no simulacro e a eficacia dos medios utilizados.

    Redacción Barbanza