Rianxo homenaxea a Castelao no 130 aniversario do seu nacemento

    RIANXO> No cento trinta aniversario do nacemento de Castelao, o concello de Rianxo deseñou un amplo programa de actividades para homenaxear ó autor. Teatro, literatura e música conxúganse neste compendio cultural que terá a súa máxima expresión coa ofrenda floral ante o busto do escritor. Dende esta mesma noite e ata o día trinta Rianxo, berce de Castelao, converterase no epicentro das actividades dedicadas ó ilustre galeguista no cento trinta aniversario do seu nacemento. Os encargados de levantar o telón foron os actores de Galeatro previa presentación do libro Cousas de Nenos. Mañá sábado tocaralle a quenda á música co concerto de Son de Nós. A asociación cultural Barbantia reivindicará tamén a figura de Castelao coa celebración dun acto cultural no que presentarán o número cento once do suplemento cultural da Voz de Barbantia. Os actos de clausura terán lugar o trinta de xaneiro coa ofrenda floral ante o busto do escritor a cargo do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e a representación de ‘Os vellos non deben namorarse’. Tamén ata finais de mes permanecerá exposta no auditorio municipal unha mostra sobre o décimo certame de artesanía Antonio Fraguas da Deputación.