Jealsa promove unha andaina solidaria en favor da Fundación Stop Leucemia

BOIRO> Boiro acollerá o próximo 24 de setembro a terceira andaina Jealsa Solidario.  O obxectivo deste evento deportivo é recadar fondos para a investigación contra o cancro que irán destinados á Fundación Stop Leucemia.

Solidariedade e deporte volverán conformar o mellor equipo en Boiro por unha boa causa. A terceira Andaina Jealsa Solidaria volverá implicar a numerosas empresas do municipio nun evento deportivo que ten como finalidade recadar fondos para a investigación contra a leucemia.

A farmacia Cimadevila, Confitería Belén, Triñanes Vestuario Laboral, a clínica dental Rebeca Ozores e o grupo Chicolino non dubidaron en acudir á chamada de Jealsa para patrocinar este evento que conta tamén coa colaboración da Socidedade Deporitva Barbantia Roda, o concello de Boiro e a Xunta de Galicia

A andaina partirá ás dez da mañá da praza do concello. Consistirá nun percorrido de 12 quilómetros a ritmo moderado.

Tódolos fondos recadados irán destinados á Fundación Stop Leucemia que traballa na investigación do cancro hematolóxico aplicando a intelixencia artificial.

O prezo da inscrición é de 5 euros. Pode facerse en emesports.es ou en Jealsa Factory Shop. Tamén se habilitou o dorsal cero para aqueles que desexen colaborar aínda que non poidan asitir.