Vicepresidencia remata a polémica cos alcaldes do PP do Salnés

    SALNÉS > Vicepresidencia da Xunta quere rematar a polémica cos alcaldes do PP do Salnés. O departamento de Anxo Quintana asegura nun comunicado que lamenta profundamente o ton e as formas da comparecencia de onte dos rexedores, pero di que non vai contestar ningunha das provocacións.

    Vicepresidencia da Xunta dá por terminada a polémica cos alcaldes do PP do Salnés e convida ós rexedores a traballar polo ben da súa comarca. A Vicepresidencia reitera a súa oferta de colaboración e sigue aceptando as explicacións ofrecidas onte pola mañá polo presidente da mancomunidade. Nun comunicado, apostila que en todo caso seu hai un cambio na súa versión será o presidente da Mancomunidade o que o ten que explicar.

    Desde o departamento de Anxo Quintana vólvese expresar o compromiso da Vicepresidencia e do Goberno galego coas necesidades e problemas dos veciños do Salnés e asegura que seguirá traballando arreo pola comarca, cos alcaldes do PP ou sen eles. Di ademais que non vai alimentar unha espiral de descualificacións que cre non lles importan ós cidadáns e aportan algúns datos para que os veciños xulguen a veracidade das acusacións feitas polos alcaldes do PP.

    Aseguran que se concedeu un 25 por cento máis en axudas para centros escolares do Salnés; en materia de voluntariado e xuventude o incremento das achegas é do 60 por cento, mentres que os investimentos do Plan Concertado na comarca aumentaron un 10 por cento. Vicepresidencia lembra que está aberta a convocatoria de axudas para 2006 e di que xa están comprometidos para o Salnés 280 mil euros para un centro da Terceira Idade e 350 mil euros para un centro cultural.

    Redacción Salnés