A Arousa Party non alcanza as cifras estimadas pola organización

    Vilagarcía > A Arousa Party rematou esta fin de semana en Fexdega sen cubrilas expectativas iniciais da organización, que prevía 1500 participantes e tiveron que conformarse con menos de 200. Sen embargo, a baixa participación non significa que o encontro informático non vaia ter continuidade. AIRBAG, a asociación organizadora, quere converter a party arousán nun referente para os internautas.

    AIRBAG, a Asociación de Internautas das Rías Baixas, valora positivamente a primeira edición deste encontro dos amantes da informática, que puideron coñecer da man de varios expertos as últimas tecnoloxías coas que conta o mercado. A comodidade das instalacións do recinto feiral, xunto cos servizos que ofrecía a organización e os contidos da party foron moi ben valoradas polos centos de participantes, que marcharon o domingo pola parte satisfeitos pero con moito sono, tras máis de 48 horas de actividades ininterrompidas. O Arousa Party puxo a disposición dos participantes non só ordenadores con conexión, senón a posibilidade de chatear ou xogar en rede e a participación en espectáculos, contacontos, concertos, talleres, concursos ou torneos. Pese á valoración positiva, este primeiro maratón informático da comarca non cubriu as expectativas iniciais, o que, sen embargo, non impedira a celebración dunha segunda edición. Os 1500 asistentes previstos quedaron en menos de 200, segundo AIRBAG, pola coincidencia coa Semana Santa, a celebración hai só dúas semanas doutra maratón en Santiago e a coincidencia coa Basquet Cup. A idea é que para o próximo ano se manteña o mesmo formato e o mesmo escenario, anque AIRBAG non descarta que poidan introducirse algúns cambios co fin de que a cita se converta nun dos referentes da comunidade entre tódolos internautas.   

    Redacción Salnés