Desconvocada definitivamente a folga do metal a pesar dalgúns descontentos

    SALNÉS > Os traballadores reunidos en Vigo aceptaron o preacordo negociado nas últimas horas. Queda pois desconvocada a folga aínda que non tódolos traballadores se amosan especialmente contentos polo acordo acadado. Moitos deles acollérono con resignación e a asemblea informativa deixou incluso momentos de tensión entre algúns traballadores insatisfeitos co papel desenvolto por algúns sindicatos na mesa de negociación.

    folgametal1_300_110506.jpgSe ben se chegou finalmente a un acordo, a satisfacción non foi plena tal e como demostran as imaxes. Algúns dos traballadores acusaban a algúns representantes sindicais de non ter feito unha boa negociación na asemblea informativa que tiña lugar o día despois de se celebrar a mesa de negociación fronte as sedes sindicais en Vilagarcía. Pero as cartas están botadas e o acordo é unha realidade despois de que os traballadores do metal en Vigo apoiaran nun 70% aproximadamente o novo convenio que terá unha validez de tres anos.

    Un período que, cando menos, servirá para ir preparando o terreo de cara á vindeira negociación segundo os sindicatos. De momento e a falta da redacción definitiva, o preacordo está pechado. O que falta agora é que se estableza a normalidade entre sindicatos polo cruce de acusacións entre CIG e Comisións Obreiras, enfrontados pola asemblea informativa (‘precipitada’ en boca de comisións) que onte deu Xan Bouzas da CIG nada máis chegar da mesa de negociación de Vigo e na que asegurou que CCOO obreiras non quixo participar e na que se precipitou desconvocando a folga. En calquera caso, a folga queda definitivamente desconvocada a partir das doce da noite.

    Redacción Salnés