División no tripartito ante a implantación de grandes áreas comerciais

    BOIRO > A recalificación de terreos rústicos en Espiñeira para a implantación dunha área comercial non só provocou a división no sector empresarial de Boiro senón que tamén está a xerar discrepancias entre o tripartito. O segundo tenente alcalde do concello, Manuel Velo, amosou abertamente a súa oposición á creación deste centro comercial posto que suporá un importante prexuízo para o pequeno comercio.

    Na súa rolda de contactos cos distintos representantes políticos do municipio, os sectores empresariais afectados pola implantación das grandes superficies comerciais, mantiveron unha xuntanza co voceiro de Iniciativa Cidadá de Boiro e segundo tenente alcalde do concello, Manuel Velo Velo. A postura do portavoz de IC Boiro discrepa claramente dos seus socios de goberno, BNG e PSOE, que puxeron en marcha o convenio. Velo considera que é necesaria a creación deste tipo de recintos comerciais pero sempre que se faga en chan urbano para garantir a igualdade de condicións entre todo o sector comercio.

    Así mesmo, afirmou que non entende a proposta de recalificación de chan rústico posto que existe espazo suficiente en solo urbano para usos comerciais. Velo entende ademais que os seus socios de goberno deberían consensuar a postura entre tódolos grupos políticos e sectores sociais antes de poñer en marcha a actuación.

    Os prexuízos para certos sectores económicos non son a única razón que alega Velo para opoñerse a este convenio. Segundo explica o voceiro de Iniciativa Cidadá, aínda que todo o tecido empresarial da zona estivese de acordo, o convenio non sería vantaxoso en termos económicos posto que supón unha contraprestación económica de 500 mil euros pola recalificación de 40 mil metros cadrados de terreo.

    Manuel Velo fixo referencia tamén á recalificación do Pazo de Goiáns, executada polo anterior goberno, e que foi trasladada polo tripartito á zona da Pedreira. Lonxe de ser partidario deste tipo de actuacións, Velo insistiu en que a recalificación da Pedreira é unha operación obrigada por mor do anterior goberno do PP pero que non se deben acometer novas recalificacións que se achegan máis ás finalidades especulativas que as sociais.

    Pola súa banda, os comerciantes quixeron agradecer ó segundo tenente alcalde o seu apoio deixando claro que o sector non se opón á implantación de centros comerciais no municipio senón ás recalificacións de chan rústico para fins comerciais.

    Redacción Barbanza