Movistar, segundo na xeral da Volta ó Mundo de Vela

SANXENXO > O movistar xa está en Baltimore, Estados Unidos, e ocupa a segunda posición na xeral en detrimento da segunda unidade holandesa do equipo ABN AMRO, que agora ocupa a terceira praza do podio. Mentres transcorre a regata, desde Sanxenxo estase a organizar unha viaxe para asistir ó final da Volta ó Mundo, en Goteborg, Suecia, o 17 de xuño.

vo70movistar_300_180406.jpgPasada a 1 da madrugada, hora española, o Volvo Open 70 movistar cruzaba este martes a liña de chegada en Baltimore, Estados Unidos, completando oficialmente a quinta etapa da Volta ó Mundo. O barco español suma así os 6 puntos correspondentes á segunda posición nesta etapa, na que só foi superado polo potente ABN AMRO 1, que chegou a Baltimore con pouco máis de 4 horas de vantaxe. O movistar investiu 15 días, 8 horas, 4 minutos e 15 segundos en recorrer as 5.000 millas que separan Rio de Janeiro de Baltimore. Este resultado, unido á victoria no paso pola meta voante de Fernando de Noronha, serviu para que o barco español sumara un total de 9,5 puntos nesta etapa, subindo á segunda posición da xeral provisional.

Desde o concello de Sanxenxo, base operativa da saída da Volvo, están a organizar unha viaxe á cidade sueca de Goteborg onde rematará a regata o vindeiro mes de xuño. Será os días 16, 17 e 18 de xuño, coincidindo coa chegada dos barcos, prevista para o 17. Os interesados poden consultalo na oficina de turismo do porto deportivo ou abonar directamente nunha conta do concello 1.175 euros. O prazo de inscrición remata o 31 de maio. Ademais o concello invitará a nove nenos do municipio de entre 10 e 14 anos. Para iso xa remitiu 800 cartas ós domicilios con nenos destas idades, que deberán inscribirse antes do 25 deste mes. Os nomes dos agraciados coñeceranse tralo sorteo do día 29. os nenos irán acompañados dunha persoa, polo que en total o concello invitará a 19 veciños. O goberno local advirte que os representantes políticos que queiran ir terán que pagarse a viaxe pola súa conta.

Redacción Salnés