Ribeira contará cun centro para a atención de enfermos de alzheimer

    RIBEIRA > Unha delegación da Consellería de Vicepresidencia e Benestar Social visitou as dependencias do futuro centro de atención a enfermos de alzheimer en Ribeira. Esta actuación é froito da iniciativa do concello de Ribeira mediante un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Obra Social de Caixa Galicia.

    A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago e a delegada provincial da Coruña, Tareixa Novo, percorreron as instalacións deste novo centro que prestará atención ós enfermos de alzheimer e as súas familias. Na visita estiveron presentes tamén o presidente da Obra Social de Caixa Galicia, Manuel Aguilar, a presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, Milagros Prieto e o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer.

    Precisamente foi o executivo local quen plantexou a necesidade de convertir este local nun centro de atención social que, no proxecto inicial converteríase nun centro de día para persoas con discapacidade.

    Finalmente, as xestións promovidas polo concello entre a Consellería de Vicepresidencia e a entidade financieira Caixa Galicia farán posible a creación dun centro de atención a persoas afectadas polo alzheimer.

    Este centro forma parte da rede pública de centros que se están a implantar por toda Galicia co obxectivo de dotar á comunidade dos servizos axeitados para estes pacientes, obxectivo prioritario para o goberno da Xunta de Galicia. O servizo será público e gratuíto para todas aquelas persoas carentes de recursos mentres que algúns deberán achegar unha aportación en función da súa renda.

    O presidente da Obra Social expresou a necesidade de dotar a tódalas comarcas galegas de dispositivos de atención social de xeito integral polo que se seguirán establecendo liñas de colaboración neste eido.

    Redacción Barbanza