A Pobra mantense fiel á súa cita coa Virxe do Carme dos Pincheiros

POBRA> Os festexos do Carme dos Pincheiros arrancaban o pasado venres pola noite co pregón, dende o balcón da casa consistorial, este ano a cargo de Francisco Davila, CEO de Mobalco, unha empresa punteira da localidade dedicada ó deseño e fabricación de mobles.

Tampouco faltaron á súa cita os Sanjuerguíns, a tradicional festa da auga. Este ano máis multitudinaria, se cabe que en outros anos e as olimpíadas pincheiras.

Pero un dos momentos máis agardados por todos foi a procesión, que tiña lugar na xornada de onte domingo.

A imaxe da Virxe do Carme ó seu paso polas rúas da vila estivo acompañada por miles de persoas.

Non faltaron á cita diversos grupos de música e baile tradicional, así como a Banda da Brilat, que acode puntualmente á Pobra dende xa hai anos, para acompañar á Virxe ata o porto.

Alí, un grupo de mariñeiros realizou a ofrenda floral en homenaxe ós mariñeiros falecidos.

Os festexos chegaban hoxe ó seu remate.

Os nenos foron os verdadeiros protagonistas desta xornada cos diversos xogos e inchables e a festa da escuma na praza Maior, para rematar pola noite coa actuación de Fillas de Cassandra e o espectáculo piromusical.