Gallego aclara a alerta italiana por mexillón contaminado

    SALNÉS > A polémica sobre a alerta sanitaria en Italia provocada polo mexillón galego chegou hoxe ó parlamento. A Conselleira de Pesca compareceu a petición propia para tentar, segundo dixo, palia-los danos provocados polo PP a este sector. Gallego aclarou que as autoridades italianas non puideron demostrar que o mexillón tivera toxina. Sen embargo a resposta do PP non se fixo agardar. Os populares acusaron de novo á conselleira de ocultar deliberadamente a alerta.

    A conselleira de Pesca aportou datos destinados a clarexar as falsedades vertidas polos populares acerca da alerta sanitaria en Italia. Gallego sinalou que o produto exportado nunca chegou ó consumidor, que as autoridades italianas non puideron demostrar a existencia de toxina e que as zonas de procedencia do produto en Galicia eran totalmente aptas para a súa colleita.

    A Conselleira aclarou que en canto se coñeceu a alerta, incrementáronse os controis e fixéronse novas análises nas zonas de procedencia, que volveron a dar negativo. Pero ademais Italia non lles deu as supostas mostras contaminadas para facer unha contraanálise. Por iso Gallego acusou ó PP de trasladar unha falsa sensación de descontrol e recordou que tanto os profesionais que fan as mostraxes como os métodos usados son os mesmos que se facían co anterior Goberno, os que manda a Unión Europea.

    Sen embargo parece que a resposta non convenceu ós populares que volveron a acusar á Xunta de ocultar deliberadamente as alertas sanitarias. Ademais aseguran que houbo xa unha nova alerta, que faría a número 13 e que afectou a varios consumidores que sufriron náuseas e vómitos. Os populares non descartan reclamar dimisións para depurar as responsabilidades políticas derivadas desta neglixencia.

    Redacción Salnés