POBRA>A concellería de Deportes preparou varias citas deportivas para mañá sábado e o domingo, entre as que destaca a fase clasificatoria para o campionato provincial de atletismo ó aire libre para a categoría infantil. Ó redor dun 400 rapaces pertencentes a clubs e colexios da zona da Costa da Morte, Cerceda, Muros-Noia, Santiago e Barbanza, disputarán mañá sábado na Alta o campionato provincial de atletismo ó aire libre para a categoría infantil. A actividade está incluída dentro do programa XOGADE, da Xunta de Galicia. Precisamente dende o concello destacaron a importancia desta proba, impulsada tamén dende a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza. o alcalde, Isaac Maceiras, aproveitou ademais para facerlle un recoñecemento público a Pepe Mouro, pioneiro do atletismo na localidade. Esta non será a única cita deportiva desta fin de semana na localidade. A Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza en colaboración coa concellaría de Deportes organizan tamén a camiñada na Curota, con saída o domingo a partir das once da mañá dende o mirador e unha camiñada canina coa que colabora a asociación Atletas caninos. Tamén o domingo, ás once da mañá na dársena do porto comercial, terá lugar unha regata correspondente á Liga Galega de Traineriñas. A actividade está organizada polo Club de Remo Puebla en ela tomarán parte tódolos clubs de remo da Zona Norte.
Inicio Deportes









