Illas Atlánticas aposta por Sálvora e Cortegada como dominio público

    VILAGARCÍA > Sálvora tamén podería pasar a ser de dominio público. O Parque Nacional Illas Atlánticas ten en carteira esta xestión pero de momento dálle prioridade á compra de Cortegada. O presidente do Padroado Illas Atlánticas, Manuel Vidal, estivo hoxe na Autoridade Portuaria de Vilagarcía, que lle prestará as súas instalacións no faro de Sálvora.

    farosalvora_300_190406.jpgO Padroado do Parque Nacional Illas Atlánticas afirma que ten intención de que a Illa de Sálvora sexa de uso público. Dáse a casualidade que na ría de Arousa se atopan dúas das illas incluídas neste espazo protexido menos accesibles ó público en xeral. No caso de Cortegada o proceso de compra xa está en marcha, tal como anunciou no seu día a Xunta. O mesmo se quere facer con Sálvora pero o Parque Nacional quere ir ós poucos e dálle prioridade a Cortegada. Así o asegurou hoxe en Vilagarcía Manuel Vidal, presidente do Padroado do Parque Nacional Illas Atlánticas.

    firma_autoridade_portuaria_300_190406.jpgEsta mañá asinou un convenio de colaboración co presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz, precisamente para poder usar as instalacións que o porto ten no Faro da Illa de Sálvora. O Parque Nacional instalará unha estación meteorolóxica para vixilancia e control científico no faro. A Autoridade Portuaria tamén lle deu permiso ó Padroado para realizar en Sálvora un inventario das bolboretas nocturnas deste espazo protexido. En carteira está a posible instalación no faro dunha base permanente científica do Parque.

    Redacción Salnés