Finsa cubre de fibra de madeira o río e o peirao de Pontecesures

    PONTECESURES > Os veciños de Pontecesures padeceron esta tarde unha intensa néboa composta por fibra de madeira que saía da fábrica de Finsa. As labras cubriron boa parte do río Ulla e do peirao de Pontecesures. O Seprona interveu e a dirección da empresa asegurou que as emisións non contiñan ningún residuo nocivo para a saúde e que se deberon a un fallo da maquinaria.

    fibrademadeirafinsa_300_190406.jpg

    O peirao de Pontecesures e o río Ulla aparecían deste xeito esta tarde, cubertos por todas partes de fibra de madeira. O vertido procedía da empresa Finsa, emprazada na outra beira do río, no concello de Padrón. O edil da Agrupación Cidadá de Pontecesures, Luís Ángel Sabariz, recollía esta tarde as queixas de numerosos veciños da zona. As labras de madeira comezaron a saír sobre as cinco da tarde e en seguida espertaron a alarma veciñal.

    Desde o concello de Pontecesures deuse parte á Policía Local para que comunicara o incidente ó Seprona.

    sepronafinsa_300_190406.jpgOs axentes da Garda Civil personáronse ás seis e media da tarde no lugar e consultaron cos responsables da empresa Finsa. Segundo informou o alcalde cesureño, Luís Álvarez Angueira, a dirección comunicoulle ó concello que este foi un feito illado debido a un fallo na maquinaria que durou unha media hora. Ademais a empresa asegurou ó rexedor que nas emisións só había fibra de madeira en estado puro, sen ningún tipo de cola ou residuo nocivo para a saúde. O concelleiro de ACP recoñeceu a excepcionalidade deste incidente pero asegurou que a poboación está cansa destes acontecementos.

    Redacción Salnés