O concello de Ribeira critica a ‘falla de respecto institucional’ de Sanidade

    RIBEIRA > O concelleiro de Sanidade de Ribeira criticou a falla de respecto institucional amosado pola delegada de Sanidade no transcurso da súa visita a Ribeira, cando anunciou a localización do novo edificio da UAD. O representante municipal lembra que este proxecto é froito dun acordo entre o concello e o anterior goberno da Xunta; sen embargo Sanidade non se puxo en contacto co executivo local para informalle da visita da delegada provincial nin da situación do novo centro.

    O responsable de Sanidade no concello de Ribeira, Cándido Castro Sobrido, amosou o seu desconcerto ante a forma de proceder da Consellería de Sanidade no anuncio da localización da Unidade da Atención ás Drogodependencia. No transcurso da súa visita ó hospital do Barbanza a delegada provincial de Sanidade, María Ausencia Tomé, anunciou a posibilidade de ubica-la unidade asistencial ó carón do centro hospitalario.

    O concelleiro de Sanidade considera que se trata dunha ‘falla de respecto institucional’ posto que dende a Xunta non se informou ó executivo municipal da visita da delegada na que procedeu a anunciar a ubicación deste centro, que é froito dun acordo entre o concello e o anterior goberno autonómico do PP. Na sinatura deste convenio co anterior conselleiro de Sanidade, Xosé Manuel González Álvarez, o concello puxo a disposición da Xunta uns terreos contiguos ó parque de bombeiros en Xarás. A nova ubicación diante do hospital tamén é considerada unha boa opción polo executivo municipal posto que iría parello a un centro de saúde mental.

    Dende o goberno local considérase ademais que para a realización deste anuncio deberían estar presentes tamén representantes da UAD de Ribeira e do departamento para o tratamento de enfermos mentais da Pobra.

    Redacción Barbanza