Rianxo mellorará a calidade de vida dos minusválidos a través dun plan de accesibilidade

    RIANXO > O concello de Rianxo vén de remata-la elaboración dun proxecto para a mellora da accesibilidade no municipio e tamén dos edificios públicos. A iniciativa está incluída nun programa de colaboración entre o propio concello, o Ministerio de Traballo e Servizos Sociais e a Fundación ONCE. A posta en marcha deste Plan, que non pretende máis que a mellora da calidade de vida das persoas con algún tipo de minusvalía, iniciouse xa o pasado ano coa redacción dun estudo por parte da empresa catalana Fonollá Arquitectura.

    Despois de remata-lo Plan Municipal Integral de Accesibilidade, o executivo rianxeiro pretende iniciar unha serie de actuacións no casco urbano da localidade, así como tamén en varias parroquias, para eliminar todo tipo de barreiras arquitectónicas e facer unha vila a medida das persoas con algún tipo de discapacidade.

    O concello de Rianxo pretende levar á  práctica as directrices do Plan Municipal Integral de Accesibilidade marcadas pola empresa catalana Fonollá Arquitectura, que resultou gañadora do concurso aberto realizado no seu momento, co obxectivo de realizar a diagnose do estado e o tratamento da accesibilidade no municipio a través dun estudo das barreiras existentes en urbanismo, edificación e transporte, así como tamén un informe de avaliación.

    Dese estudo que se comezou a elaborar a finais do pasado ano, detectáronse varias irregularidades que agora serán subsanadas grazas a unha aportación de 260 mil euros con actuacións que non só incluirán obras para a eliminación de barreiras arquitectónicas, senon tamén para a colocación de semáforos adaptados a invidentes e un plan de info-accesibilidade.

    Entre as obras destinadas á eliminación de barreiras arquitectónicas destacan actuacións na Casa de Cultura Cuartel Vello onde está previsto adapta-los baños a persoas con mobilidade reducida e instalar un ascensor, así como no edificio de Servizos Sociais situado na estrada de Tanxil no que se construirán rampas de acceso e melloraranse os aseos.

    No casco urbano instalaranse semáforos adaptados a invidentes no cruce de acceso ó centro, na entrada á praza Castelao e nas proximidades do peirao.

    Ademais no núcleo de Rianxo construiranse rampas, vados para peóns, e reubicaranse postes da luz e de teléfono, así como colocaranse varandas nas rampas.

    Dentro do estudo, tamén se contempla a adaptación da páxina web local e a instalación de novas ferramentas nos ordenadores que integran a aula de informática municipal para que poidan ser empregados por tódolos usuarios.

    Ademais no futuro Museo do Mar, na Casa do Coxo, tamén se crearán guías sonoras e audiovisuais para normalizar toda a oferta cultural.

    Redacción Barbanza