Unha familia de Burés demanda a dotación de beirarrúas nun treito perigoso da AC-305

RIANXO> Unha veciña de Burés, en Rianxo, demanda a dotación de beirarrúas nun treito da estrada AC-305. Denuncia que a súa filla, con discapacidade, ten que transitar esta zona a diario cos consecuentes riscos para a seguridade.

Vanesa percorre cada día a pe este perigoso treito da estrada comarcal Ac-305 entre os núcleos rianxeiros de Miráns e Burés. A moza cun sesenta e cinco por cento de discapacidade e un problema engadido de xordeira vese obrigada a transitar pola vía para coller o autobus para acudir ó centro ocupacional de AMBAR.

Hai tempo que os seus pais veñen demandando á Xunta a construción de beirarrúas; unha solicitude que se atopa aínda en fase de estudo.

No seu día, Rosario solicitara tamén o pintado dun paso de peóns posto que a vía carece destes elementos o que obriga ós residentes a cruzar en situación de risco.Solicitude que lle foi denegada pola proximidade dunha curva pechada.

Á espera de obter unha resposta afirmativa, Rosario seguirá a acudir ás distintas administracións para conseguir que se instalen beirarrúas. Unha mellora na seguridade que beneficiaría non só á súa familia senón a tódolos veciños da zona.