Piden responsabilidades polo vertido que afectou á Ría o pasado mes de outubro

RIBEIRA> Ademais de presentar unha batería de preguntas no concello de Ribeira, o BNG rexistrará tamén unha iniciativa no Parlamento no que solicitarán información sobre o acontecido.

Tres meses despois de que se detectara unha vertedura de fuel de máis dun quilómetro de extensión na ría de Arousa, aínda non está clara a súa orixe. A mancha detectouse a carón da costa ribeirense e, segundo as primeiras hipóteses, podía proceder do emisario submarino do Touro.

As conclusión preliminares do Seprona apuntan a unha posible orixe industrial do vertido. Por esta razón, os nacionalistas levarán a cuestión ó Parlamento co obxectivo de que se identifique e sancione á empresa responsable así como que se avalíe a necesidade de dotar ó polígono de Xarás dun sistema de depuración independente da rede xeral.

O BNG tamén presentou unha batería de preguntas no concello sobre as accións desenvolvidas ata o momento para esixir responsabilidades. A este respecto, insisten na necesidade de revisar o sistema de depuración que trala rescisión da concesión é de exclusiva competencia municipal.

Demandan tamén que se poña en marcha o plan de continxencias por contaminación marítima, un protocolo do que Ribeira aínda carece a pesar de ser obrigatorio.