Política Territoral incrementará a seguridade nas vías rápidas de Barbanza e Salnés

    BARBANZA > A Xunta de Galicia incrementará as medidas de seguridade nos tramos máis perigosos das vías do Barbanza e O Salnés. A actuación, encamiñada a reducir a crecente taxa de sinistralidade nas estradas de alta capacidade, contempla a instalación de medianas ríxidas. Así mesmo, a partir do mes de maio comezará a operar en Galicia un helicóptero radar que permita a detección de infraccións dende o aire.

    O alto número de sinistros rexistrados nas estradas galegas durante as vacacións de Semana Santa sitúa a Galicia como a segunda comunidade con maior número de vítimas mortais nas estradas, soamente superada por Andalucía. Este incremento da sinistralidade levou ó goberno da Xunta a establecer novas normas de seguridade como será  a incorporación dun helicóptero radar que a Dirección Xeral de Tráfico destinará a Galicia a partir do mes de maio. Este helicóptero permitirá sancionar directamente ós condutores que cometan unha infración sen necesidade de formaliza-la denuncia a través dunha patrulla de terra. Precisamente, incrementa-la vixilancia e endurece-las sancións son algunhas das medidas propostas polos barbanzáns para reduci-lo alto número de accidentes que, na súa maior parte, son provocados polas imprudencias ó volante.

    A Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, anunciou tamén a adopción de medidas concretas para as comarcas do Salnés e do Barbanza como son a instalación de medianas ríxidas que separen físicamente os carrís nos tramos máis perigosos das vías de alta ocupación de ámbalas dúas bisbarras. Esta actuación contémplase a curto prazo e podería ser unha realidade de cara ó verán cando se rexistra unha maior afluencia de vehículos. A medida é vista con moi bos ollos polos veciños da bisbarra aínda que moitos opinan que non será suficiente para poñer fin a este dramático problema.

    Así mesmo, a Xunta vén solicitando dende hai meses un reforzo de persoal para incrementa-la vixilancia nas estradas posto que dende hai décadas non se produciu un incremento da plantilla na nosa comunidade.

    Mentres traballa na elaboración do Plan Galego de Seguridade Viaria, a Consellería de Polítca Territorial, seguirá a realizar campaña sde control de alcolemia ou de consumo de dorgas entre os condutores. Neste sentido, o PP criticou a decisión do goberno de anular os dous programas de educación viaria ‘Conducción Segura’ e Dummie, que foran desenvolvidos polo anterior goberno da Xunta con notable éxito.

    Pola súa banda, o vicepresidente Anxo Quintana insistiu na necesidade de transferir as competencias de tráfico á Xunta como principal medida para incrementa-la seguridade, demanda que non comparte a Consellería de Política Territorial.

    Redacción Barbanza