Aguiño conmemora o 80 aniversario do naufraxio do Cartagena cun homenaxe ós falecidos

RIBEIRA> As parroquias de Aguiño e Carreira renderán homenaxe ós náufragos do Cartagena 3 no 80 aniversario do suceso. O sábado 5 de abril celebraranse unha serie de actos conmemorativos en lembranza dos 21 tripulantes que perderon a vida o 8 de abril de 1945 cando o barco se afundiu fronte a costa de Corrubedo.

A piques de cumprirse 80 anos do naufraxio do Cartagena 3 no que perderon a vida os 21 tripulantes, a confraría de Carreira e Aguiño conmemorará esta efeméride cunha serie de actos en homenaxe ós falecidos, todos eles veciños destas dúas parroquias.

Celebraranse o sábado 5 de abril, na Casa do Mar de Aguiño, onde a partir das cinco da tarde terán lugar unha serie de charlas a cargo de historiadores que debullarán os detalles deste tráxico suceso. A xornada continuará coa proxección dun documental realizado pola asociación de veciños de Carreira. A continuación, os participantes desprazaranse ata o porto para realizar unha ofrenda floral no mar.

A xornada clausurarase coa inauguración dun mural na confraría e dunha maqueta do barco realizada de xeito artesanal por Luís Crujeiras. Xunto coa confraría a e asociación de veciños de Carreira participan na organización a asociación cultural Francisco Lorenzo Mariño e o Club de Xubilados do Mar.