A oposición de Velo paraliza o proxecto do centro comercial de Espiñeira

    BOIRO > O voceiro do grupo socialista de Boiro, Xoán Xesús Ares, reuniuse cos representantes dos comerciantes boireses co obxectivo de achegar posturas en torno á recalificación dos terreos de Espiñeira para a implantación dun área comercial. O grupo socialista considera positivo o desenvolvemento desta infraestrutura pero non é partidario de seguir apoiando o proxecto se non obtén luz verde no pleno

    Xoán Xesús Ares transmitiulle ós comerciantes o apoio do grupo socialista á implantación de áreas comerciais e todo tipo de iniciativas empresariais que contribúan a dinamizar economicamente o municipio. Neste sentido, o voceiro socialista quixo aclarar que a súa postura segue sendo a mesma que ó inicio das negociacións do convenio pero avoga por non levar a pleno a aprobación do proxecto dado que non obtería o respaldo suficiente.

    Os comerciantes expuxeron tamén o seu punto de vista, segundo o cal non se opoñen á creación de centros comerciais senón á recalificación dos terreos de Espiñeira para implantar a área nas aforas, o que supón un claro prexuízo para o sector. A este respecto, Ares insistiu en que a actividade das áreas comerciais e o pequeno comercio é perfectamente compatible posto que hai clientes para ámbolos dous sectores e insistiu na necesidade de non deixar escapar esta oportunidade posto que, de non implantarse en Boiro, pasará a outro concello próximo.

    Os socialistas reivindican ademais as posibilidades do municipio boirés como centro de desenvolvemento económico e comercial do Barbanza, feito que vén avalado por diversos estudos realizados pola Cámara de Comercio.

    No transcurso da xuntanza, Ares referiuse tamén ó convenio con Eroski para a implantación dunha área comercial na Pedreira, como tema prioritario posto que a aprobación definitiva suporá a adquisición do Pazo de Goiáns para o patrimonio municipal, como vén demandando dende hai anos o equipo de goberno.

    Ares aproveitou a reunión cos comerciantes para exporlle outras actuacións de interese que se están a realizar no municipio como a mellora da igrexa de Santa Baia, o acondicionamento da rúa Norberto Pijuán ou a posibilidade da apertura da rúa Vao cara Espiñeira.

    Precisamente para a próxima semana está prevista unha reunión do tripartito cos representantes da inmobiliaria LyC, promotora do centro Comercial de Espiñeira, na que se analizará a oposición ó proxecto por parte de certos sectores. O segundo tenente alcalde, Manuel Velo, xa manifestou abertamente que non apoiará a recalificación de Espiñeira, feito que supón un impedimento para os intereses da inversora.

    O concelleiro de Urbanismo, Xoán León, segue a defender a idoneidade deste centro comercial para o desenvolvemento económico de toda a comarca. Non comparte a mesma opinión Manuel Velo que xa manifestou a súa oposición á recalificación dos terreos para a implantación do centro comercial posto que supón un privilexio para as grandes compañías en detrimento do pequeno comercio.

    Dende o BNG non se entende a oposición de Velo posto que, durante os dous anos que se leva negociando o convenio, o independente non amosara o seu desacordo co proxecto. Segundo o concelleiro de Urbanismo, Velo apoiou o convenio en todo momento, participando nas negociacións e mesmo chegou a manter xuntanzas cos responsables de LyC.

    Velo nega rotundamente estas afirmacións, insistindo en que el nunca apoiou as negociacións posto que non se chegaron a celebrar xuntanzas onde se debateran os termos definitivos do convenio.

    A postura de Velo plantexa un punto de inflexión na implantación do centro comercial posto que, a pesar de que o convenio pode ser asinado polo alcalde, a recalificación dos terreos ten que ser respaldada polo pleno para a súa viabilidade.

    Redacción Barbanza