A actualidade do caso Diana Quer segue a espensas dos avances da autopsia

RIANXO> Xa descartada a versión do Chicle respecto ó atropelo fortuíto da vítima, falta por confirmar se realmente se produciu agresión sexual.

Ó longo do día de hoxe estaba previsto que se deran a coñecer algúns dos avances da autopsia realizada ó corpo de Diana Quer por parte da Unidade de Antropoloxía Forense que dirixe o doutor Fernando Serrulla, un dos máis reputados médicos forenses, especialista con experiencia en casos coma o recoñecemento dos cadáveres do 11-M ou á análise das fosas comúns da Guerra Civil. A incógnita a despexar, confirmar se houbo ou non agresión sexual, despois de que na autopsia preliminar se descartara a versión dada polo Chicle á Garda Civil, cando argumentara que se tratou dun atropelo fortuíto. De ser así, o autor confeso do crime da moza madrileña enfrontaríase a unha pena de prisión permanente revisable, que podería ir dos dez ós vinte e cinco anos. Esta circunstancia tamén motivaría a renuncia do seu avogado, Ramón Sierra, que en máis dunha ocasión anunciou que de darse este caso deixaría de levar ó seu defendido.

De non existir delito sexual a pena para o Chicle reduciríase dos dez ós quince. Nos últimos días, a nai de Diana, facía tamén as súas primeiras declaracións públicas no seu perfil de Instagram nos que aparecía xunto a súa filla, á que se refire coma un anxo, e que grazas a ela, moitas mozas seguirán vivindo. A propia Diana López-Pinel, como xa fixera anteriormente o seu exmarido, Juan Carlos Quer, acaba solicitando o endurecemento das penas existentes para este tipo de casos, entrando de cheo no debate actual a favor e en contra da derogación da prisión permanente revisable, a máxima privativa de liberdade que contempla actualmente o noso Código Penal. Mentres tanto José Enrique Abuín segue no cárcere de Teixeiro, en rexime de prisión provisional comunicada e sen fianza, á espera tamén de que a Xunta de Prisións, decida o seu tralado a outro penal.