Docentes do Coroso esixen o cese de Ventoso Mariño como director

    RIBEIRA > A maioría do claustro do IES Coroso de Ribeira vén de solicitar o cese do seu director, Xosé Antonio Ventoso Mariño, tralas irregularidades detectadas no proceso xerado pola posible aplicación do Real Decreto para centros integrados. Os docentes presentarán un escrito na Xunta de Galicia razoando as causas desta decisións.

    Un total de 43 profesores asinaron o escrito que vai ser entregado na Consellería de Educación solicitando o cese inmediato de Ventoso Mariño como director do IES Coroso así como a incoación dun expediente disciplinario. As causas que levaron á comunidade docente a tomar esta decisión derívanse da situación provocada tralo anuncio da aplicación do regulamento para centros integrados que suporía a desaparición da ESO e o Bacharelato. A comunidade educativa denuncia diversas irregularidades por parte do director como a non convocatoria dun claustro extraordinario para avaliar a situación creada pola aparición desta nova normativa así como o impedimento ó profesorado do centro de adoptar ningún tipo de acordo sobre a posibilidade de formar parte da rede de centros integradas. Os mestres denuncian tamén a ausencia do director no consello escolar no que se sometía a votación un tema tan importante como o presuposto para 2006.

    O escrito contén un total de trece puntos que, nesta liña, denuncian a pasividade de Ventoso en temas de grande importancia para o centro así como as irregularidades en materia de redución horaria ou o incumprimento de certos requisitos legais para asumi-lo cargo por parte dalgúns membros da directiva. Os docentes van máis alá acusando ó director de agresións verbais e descalificacións graves cara varios mestres do centro.

    Por outra banda, o equipo de profesores lembra que a dirección nunca apoiou as mobilizacións levadas a cabo por toda a comunidade educativa pera evitar a perda de postos de traballo e do 33 por cento do ensino público.

    Lonxe de zanxa-la polémica, tralo acordo acadado polo bipartito para a non aplicación do decreto no vindeiro curso, o equipo de profesores sostén que a situación segue igual e mesmo denuncian sentirse acosados pola dirección. Esta tensión púxose de manifesto nunha xuntanza mantida co inspector Faustino Salgado que mesmo chegou a  ameazar a algún docente coa posibilidade de despido.

    Redacción Barbanza