Optimismo entre os emigrantes retornados ante os compromisos do Congreso dos Deputados

BOIRO> Moderado optimismo entre os emigrantes retornados trala xuntanza mantida no Congreso dos Deputados. Agardan que os compromisos adquiridos para buscar un tratamento fiscal específico cheguen a materializarse. Os emigrantes retornados volveron con certo optimismo da xuntanza mantida no Congreso des Deputados cos representantes da Comisión de Facenda e de Asuntos Sociais. Por primeira vez, tras moitos contactos con responsables políticos, obtiveron o compromiso de buscar un tratamento fiscal específico para este colectivo buscando a exención dunha das pensións, naqueles casos que teñen dobre pagador. Baixo o brazo, os representantes dos emigrantes levaban outros moitos temas como o recoñecemento das invalideces, a devolución das contías cobradas por retroactividade ou a obriga de pago dunha taxa para ter dereito á asistencia médica. Agardan agora que os compromisos se materialicen e por fin comecen a dar os seus froitos os máis de cinco anos de loita na rúa.