![]()
VILAGARCÍA > O delegado de Traballo na provincia de Pontevedra, Pedro Borrajo, recibiu esta mañá ós representantes da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Vilagarcía e da Asociación de Iniciativas Turísticas. O sector hostaleiro trasladoulle as súas reivindicacións na polémica xurdida pola proliferación de furanchos. O asunto xa foi abordado onte pola tarde por unha trintena de colectivos afectados.
Máis de trinta representantes de diversas asociacións hostaleiras das comarcas do Salnés e Ulla – Umia, e incluso de concellos como Poio ou Redondela reuníronse en Vilagarcía para avaliar a competencia ilegal dos furanchos. O encontro foi convocado pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Vilagarcía e a Asociación de Iniciativas Turísticas desta cidade. O sector formulouse realizar un boicot ós productos das bodegas que aluguen os seus locais para vodas e banquetes, mentres que no caso dos coñecidos como furanchos e loureiros se solicitará reunións cos distintos membros da administración para que se tomen as correspondentes medidas.
Esta mesma mañá reuníanse co delegado de Traballo na provincia de Pontevedra e acordouse establecer unha xuntanza cos distintos órganos competentes da Xunta. O sector tratará de investigar nas súas respectivas zonas aqueles locais carentes de licencia e permiso para facer a correspondente denuncia. Os hostaleiros critican tamén a falta de implicación dos distintos concellos na inspeccións destes locais, polo que farán chegar un escrito á Mancomunidade do Salnés para reunirse cos alcaldes. Reiteran que non queren o peche destes establecementos senón que se regularicen.
Redacción Salnés









