O xuíz de Cambados prohíbe a Hugo Piñeiro obter o carné de conducir

    PONTEVEDRA > 4 anos de prisión e 6 de inhabilitación para a obtención do permiso de conducir, ademais de indemnizacións millonarias: esa poderá sela pena máxima á que se enfronte Hugo Piñeiro, o mozo que saía en liberdade con cargos, acusado de 5 homicidios por imprudencia grave. Polo momento, o xuíz de Cambados adoptou contra el a primeira medida cautelar, pola que se lle prohibe obter o permiso de conducir ata a resolución en firme do proceso.

    fiscaliapontevedra_1_300_240406.jpgCésar del Pozo, Fiscal Xefe da Audiencia de Pontevedra e voceiro da Fiscalía,  insistiu en que ata o momento só se pode falar de indicios, á espera do estudio realizado pola ERAT –que tardará mes e medio- e doutras probas necesarias para a resolución do caso. Polo momento, non se pode falar de datas precisas para a celebración do xuízo, debido a que aínda non se personaron tódalas partes implicadas nin se esclareceron os motivos do sinistro. Del Pozo, que pide prudencia en todo o proceso, revelou os datos aportados polo mozo que conducía o vehículo implicado no accidente do Venres Santo na Vía do Salnés. Segundo os indicios, o conductor do Hyundai Coupé circulaba pola Vía do Salnés a unha velocidade que se ignora polo momento, cando por causas por determinar o vehículo foi cara a dereita da vía, o que dá lugar a un volantazo coa conseguinte invasión do carril esquerdo. É alí onde se produce o impacto coas dúas motos de gran cilindrada, falecendo no acto os catro motoristas e a nai do mozo, que ía no asento do acompañante do vehículo implicado. Supoñendo que se confirmen eses indicios, estariamos ante unha conducta gravemente imprudente do conductor que produce a morte de 5 persoas. Tipificaríase entón como 5 homicidios por imprudencia grave que se penan en concurso ideal, é dicir, un só acto -como é a perda do control do vehículo- que produce varios resultados -5 mortes-.A pena oscilará entre os 2 anos e 6 meses e os 4 anos de prisión para o mozo.

    gardacivileratviasalnes1_300_180406.jpgO caso podería verse agravado por outros condicionantes que seguen a ser estudiados, como é a velocidade á que circulaba o vehículo ou que o conductor non conta co pertinente permiso de conducir, anque esto apenas conta con repercusións penais. Estes e outros atenuantes afectarán a Hugo Piñeiro en canto á súa responsabilidade coa compañía de seguros, na que figuraba a nai, tamén falecida no sinistro. A compañía terá que facer fronte ás indemnizacións para os herdeiros dos 4 moteiros e posteriormente poderá pedirlle a Hugo Piñeiro as conseguintes indemnizacións polos danos e perxuízos ocasionados no vehículo asegurado e no que conducía sen carné.  

    O xuíz de instrucción do Xulgado nº 2 de Cambados dictou unha medida cautelar que prohibe a Hugo Piñeiro obter, polo momento e á espera da sentencia en firme, o permiso de conducir. Hugo Piñeiro enfrontarase tamén a unha pena de entre 1 a 6 anos, que imposibilitará a obtención do carné de conducir nese periodo. Para o Fiscal Xefe, no caso de demostrarse tódolos indicios, a pena podería sela máxima de 6 anos de privación da obtención do carné de conducir. Del Pozo sinalou que existe o “síndrome Farruquito”, pero que o caso do bailaor é moito máis grave polos feitos dolosos como a omisión do dereito de socorro ou a ocultación. O fiscal xefe manifestou que este é un caso máis e que a lei, con tódalas probas esclarecidas, emitirá unha calificación acorde coas penas que se prevén no código penal e civil. Eludiu así facer ningún tipo de manifestación sobre a posibilidade de que o mozo cumpra a condea que lle sexa imposta en determinados traballos sociais e para a comunidade, e non no cárcere.  

    Redacción Salnés