Satisfacción no BNG tralo acordo para a restauración ambiental da mina de San Finx

LOUSAME> Satisfacción no seo do BNG tralo acordo parlamentario para a fin da concesión da mina de San Finx e a restauración da súa contorna. Os nacionalistas agardan que a empresa cumpra cos requirimentos poñendo fin ó risco de contaminación que supón o actual estado das instalacións.

O BNG valorou moi positivamente o cambio de postura do Partido Popular que facilitou a adopción dun acordo unánime para finalizar a concesión da mina de San Finx e obrigar á empresa á restauración ambiental devolvendo as instalacións mineiras e a súa contorna ó seu estado orixinal.

Aínda que queda moito por facer, os nacionalistas entenden que é o primeiro paso dun longo camiño para poñer fin ós riscos ambientais que supoñía a mina. A empresa deberá asumir a reparación das presas colmatadas de residuos mineiros así como o baleirado das galerías inundadas.

Os nacionalistas consideran que o acordo foi posible grazas, en gran medida, á mobilización social e á implicación das confrarías da ría que mesmo iniciaron un procedemento xudicial para evitar que as augas contaminadas acabasen por afectar ós bancos marisqueiros, dos que dependen miles de familias da comarca.

Malia que se trata dunha boa nova, dende o BNG advirten que permanecerán vixilantes para que a empresa ou, no seu caso a administración, cumpran co acordo parlamentario.