Rexistro en Castrelo en relación coa morte de Ricardo e José Angel Feijóo

    CAMBADOS > Os veciños de Castrelo, en Cambados, sorprendíanse hoxe cun despregue policial sen precedentes. Ocorría na zona da Bouza, onde os axentes rexistraron unha casa na que vive unha familia formada por unha parella e tres nenos. Os habitantes amosáronse sorprendidos polo operativo policial e son moitas as conxeturas que se fan na zona dende esta mañá.

    rexistroencastrelogardacivil_3_300_250406.jpgVarios axentes da Garda Civil chegaron este mediodía á casa ante a sorpresa dos veciños. No domicilio, ubicado na Bouza, en Castrelo, estiveron durante un bo rato efectuando o que pareceu un rexistro domiciliario. O segredo sobre o asunto é total entre as forzas policiais xa que o caso está baixo segredo de sumario. Sen embargo fontes oficiosas aseguran que se trata dun operativo relacionado coas drogas e probablemente co caso do asasinato de dous mozos en Castrelo o pasado mes de decembro.

    200axusteferetro051205.jpgRicardo Feijoo de 30 anos e o seu curmán José Ángel de 27 apareceran queimados e con varios tiros. Unha veciña viu un coche calcinado e chamou á Garda Civil que foi quen descubriu o brutal suceso. A escena, á que tamén se enfrontaron os familiares dos finados, era dantesca. Naquel entón díxose que Ricardo Feijoo se quedara con parte dun alixo doutra banda de Cambados. A hipótese que se barallou sempre era que os asasinos eran sicarios pero contratados por alguén de Cambados e que coñecía moi ben a zona onde apareceron os corpos, xa que era de difícil acceso. Parece que con esta hipótese se segue traballando, xa que o rexistro desta mañá parece estar relacionado con este caso.

    rexistroencastrelogardacivil_5_300_250406.jpg

    A casa na que entraron os axentes pertence a un cambadés que responde ás iniciais I. G. R. Está casado cunha muller de nacionalidade colombiana coa que, segundo os veciños, ten dous fillos que estudan no colexio de Castrelo. Os propios veciños aseguran que se trata dunha familia normal coa que teñen boas relacións pero que non saben a profesión ou o traballo do home.

    Redacción Salnés