A andaina do 8M que impulsa o concello de Meis recadará fondos para a asociación ACADAR

MEIS> Hoxe abreu o prazo de inscrición para a cuarta andaina do 8M que organiza o Concello de Meis. A iniciativa celebrarase o 16 de marzo. Percorrerá un treito da Ruta das Salcedas e inclúe unha visita ao taller do escultor Lucas Míguez. Hai un máximo de 250 prazas, cunha aportación solidaria de 5 euros a favor de ACADAR, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia.

O concello de Meis xa ten a punto a súa programación arredor do 8 de marzo, o Día da Muller. Entre as propostas salienta a cuarta andaina do 8M, que se vai celebrar o día 16. Este ano o percorrido centrarase na parroquia de San Salvador.

A ruta incluirá unha visita ao taller do escultor Lucas Míguez.

Para esta edición o concello habilita un máximo de 250 prazas, cunha aportación solidaria de 5 euros a favor de ACADAR, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia.

Máis alá desta andaina, o concello ten en marcha tamén o sexto concurso de carteis do 8M.

A programación complétase cunha mesa informativa no multiúsos, unha exposición de libros de muller e igualdade na biblioteca, obradoiros de igualdade nos centros educativos do concello ao longo do que queda de curso e a lectura do manifesto do Día da Muller nos colexios do municipio, que está programado para o venres 7.