A Festa do Albariño xa é de Interese Turístico Internacional

CAMBADOS> A Festa do Albariño xa é de Interese Turístico Internacional. Cara o mediodía o Goberno central comunicaba ao concello a concesión deste título, tan ansiado pola vila cambadesa e pola comarca do Salnés. Ata o de agora, na zona só a Festa Vikinga de Catoira contaba con esta distinción.

A Festa do Albariño do 2019 será a primeira coa declaración de Interese Turístico Internacional. O goberno central comunicou ao concello de Cambados a concesión deste ansiado título.

O concello cambadés levaba anos traballando para conseguir este título honorífico para a súa festa raíña. Trátase da distinción máis alta para un evento destas características e segundo a alcaldesa suporá, ademais de máis achegas económicas, saldar unha débeda histórica coa festa.

Nesta zona, a Romaría Vikinga de Catoira era ata o de agora a única festa que contaba coa consideración de Interese Turístico Internacional. Por iso dende o concello agardan que non só beneficie a Cambados, tamén a todo O Salnés e aos seus sectores económicos.

Con este anuncio do goberno central, a vila culmina un proceso que comezou a dar os seus primeiros pasos no ano 2010, e que colleu novo pulo tralo nomeamento de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017.